domingo, 6 de enero de 2019

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

Desta volta, lemos POESÍA, Penúltimas tendencias. E contamos co seu autor, Carlos Negro.




Contounos como o escritor é coma unha esponxa e todas aquelas persoas que se adican a escribir,  teñen que tratar de ser empáticas como os actores e actrices. Só así puido, neste poemario, expresar emocións desde un punto de vista feminino, desde a perspectiva dunha moza. 
Díxonos que este libro, como escritor, o que lle proporcionaba era ALEGRÍA e a comunicación constante coas e cos adolescentes.

Ante a pregunta de que é a poesía, respondeu que a poesía debe ofrecer preguntas, non respostas e que a poesía axuda a pensar, a reflexionar.

Preguntou Ela porque as palabras na poesía son tan "enrevesadas" e Carlos confesounos que as palabras nun poema son coma bólas de Nadal, que brillan por si mesmas, para que as nosas emocións vibren. Búscanse palabras expresivas. Por exemplo, Olga Novo buscou as súas propias palabras para definir o amor " Esta será na morte/ a miña última palabra:/ quen me dera ser gata/para vivirte sete veces".
Como a música, a poesía faise de silencios, como o noso tras ler Carlos uns versos de Dores Tembrás "amor/que sostés os meus pulsos coma se foran/cuncas diminutas de cerámica chinesa/e non sabes que as cereixas/deixaron de medrar/ata que volvas"

Quizais a poesía non sirva para as cousas útiles do día a día, pero  a vida ten outra parte...precisamos SOÑOS, ILUSIÓNS, EXPERIENCIAS...

Recitounos poemas Barbie girl, Superpop e megafashion, Cinco razóns polas que cortaría contigo, Nunca me pintes costuras nos labios...Falounos, mediante a metáfora dunha barca, da alternativa ao amor romántico. Lembrou unha cita de Antoine de Saint-Exupéry, o autor de O principiño, que di así "Non confundas o amor co delirio de posesión, que aporta os peores sufrimentos. Porque ao contrario do que sostén a opinión común, o amor non fai sufrir. En cambio, o instinto de propiedade fai sufrir, o que é contrario ao amor"

Sacou a Corvo e ......que mal rollo!



 
Preguntámoslle o porqué de usar tantos termos en inglés e ...non se lle ocorreu mellor cousa que pedirnos que nos puxeramos de pé. Sorpresa!  Todas as nosas sudadeiras con palabras en inglés! Non nos damos conta que o temos enriba da pel.

Para despedirse, adiantounos algo de Aplicación instantánea, o seu último poemario, e presentounos a Divadivina, Escornabois, Ofeliaazul e Musamorta...pero isto queda para outro día.

E, por último, agasallounos cun marcapáxinas e cunha onza de chocolate para dicirnos que esta, igual que a poesía, é o máis pequeno, escuro e bo do mundo.

GRAZAS, Carlos!







A BANDA SEN FUTURO

Chegou o curso 2018-2019 e con el o club de lectura Poza dos libros (Bar de lecturas)

Empezamos lendo A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre.



Foi moito o que falamos arredor de Carlota, de Miguel, do importantes que son as avoas...e os avós, da doenza de Huntigton, da importancia do aspecto, de Poch, do acoso, do machismo, das supersticións, de pelis como a de Mary Reilly, do cómic... e quedaron na memoria algunhas frases...

" O futuro non é algo que se vexa. Está agardando que o escribamos e ata que non o escribamos non o poderemos ler"

"Porque tes os ollos mFoáis tristes da clase. Porque me dixeches iso da banda sen futuro e desde entón non podo deixar de pensar en ti"

"O único que vive de nós cando pasamos deste lado é a memoria que deixamos nos demais"






LECTURAS DESCONFINADAS

E para rematar este curso tan anómalo, as habituais recomendacións lectoras. Volvemos en setembro con máis forza, ilusión e ánimo. Bo ve...